12/06/2026
En MOVEMENTO entendemos a danza como moito máis que unha actividade extraescolar. É unha ferramenta educativa, unha forma de expresión, un espazo de crecemento persoal e unha oportunidade para que a infancia e a mocidade desenvolvan todo o seu potencial.
A nosa escola ofrece unha formación completa e de calidade en diferentes disciplinas, adaptada tanto a quen busca g***r da danza como afección como a quen desexa seguir un itinerario académico máis estruturado. Entre as modalidades que impartimos atópanse Ballet, Danza Contemporánea, Jazz, Lírico, Comercial, Hip Hop, Acro Dance e outras propostas complementarias que permiten ao alumnado descubrir, explorar e desenvolver o seu propio estilo artístico.
Cada alumno e alumna pode escoller o camiño que mellor se adapte aos seus intereses e obxectivos. Por unha banda, ofrecemos clases de libre elección, nas que cada persoa participa nas disciplinas que máis lle gustan e disfruta da danza como actividade de lecer e desenvolvemento persoal, medrando nun entorno artístico. Por outra, contamos cun itinerario académico que permite realizar exames e obter certificacións recoñecidas, acreditando os coñecementos, competencias e progresos adquiridos ao longo dos anos de formación.
A nosa aposta pola educación artística vai moito máis alá das clases semanais. Cada curso complementamos a formación do alumnado mediante a organización de obradoiros, masterclasses e encontros formativos impartidos por profesionais, docentes e coreógrafos de recoñecido prestixio nacional e internacional. Estas experiencias permiten coñecer diferentes metodoloxías de traballo, ampliar horizontes artísticos, descubrir novas tendencias e manter un contacto directo coa realidade profesional da danza. Deste xeito, achegamos ao noso alumnado oportunidades formativas que habitualmente só están ao alcance de grandes cidades ou centros altamente especializados.
O noso compromiso coa excelencia tamén se reflicte no ámbito competitivo. MOVEMENTO participou en numerosas competicións nacionais e internacionais de alto nivel, chegando en varias ocasións ao Campionato do Mundo de Danza. Entre os logros máis destacados da escola atópase a conquista de dúas medallas de ouro mundiais por parte de dúas das nosas coreografías. Ademais, os resultados acadados ao longo dos anos sitúan regularmente ao noso alumnado na media ou por enriba da media internacional, demostrando o elevado nivel artístico e técnico que se desenvolve na escola.
Nos últimos anos demos un paso máis na nosa aposta polo talento e pola formación integral. Creamos programas de bolsas e experiencias internacionais que permiten a alumnos e alumnas realizar estadías formativas no estranxeiro. Estas oportunidades non só premian o esforzo, a constancia, a disciplina e o compromiso demostrados durante o curso, senón que enriquecen enormemente o currículo e a experiencia persoal dos participantes. A nosa intención é continuar reforzando esta liña de traballo nos próximos anos, abrindo novas portas e xerando novas oportunidades para a mocidade.
Porén, por riba dos premios, dos títulos, dos certificados e dos resultados competitivos, existe unha misión que guía cada unha das nosas accións: ofrecer á infancia e á mocidade de Vilalba unha alternativa de ocio saudable, enriquecedora e educativa.
Nunha sociedade na que as pantallas, os videoxogos, os teléfonos móbiles e as redes sociais ocupan unha parte cada vez maior do tempo libre, a danza convértese nun espazo real de relación, movemento, aprendizaxe e desenvolvemento persoal.
Os beneficios da danza son innumerables. Mellora a coordinación, o equilibrio, a forza, a flexibilidade e a resistencia física. Potencia a memoria, a concentración, a creatividade e a capacidade de aprendizaxe. Favorece a autoestima, a confianza persoal e a xestión emocional. Ensina a traballar en equipo, fomenta o respecto polos demais e desenvolve valores fundamentais como a disciplina, a responsabilidade, a constancia e a capacidade de superación. Ademais, permite crear amizades, fortalecer vínculos sociais e vivir experiencias que acompañarán ao alumnado durante toda a súa vida.
Fronte ao sedentarismo, ao illamento social e á dependencia tecnolóxica que poden derivarse dun uso excesivo das pantallas, a danza ofrece movemento, convivencia, hábitos saudables e experiencias reais. Cada hora dedicada á danza é unha hora dedicada ao desenvolvemento físico, emocional e social dos nenos e nenas, nun ambiente positivo, creativo e estimulante.
En MOVEMENTO non só formamos bailaríns e bailarinas. Formamos persoas seguras, comprometidas, creativas, responsables e preparadas para afrontar novos retos.
Porque bailar é moito máis que aprender pasos.
É aprender a medrar.
Como corean as nosas nenas e nenos en cada competición ou evento:
Paixón, sentimento! Vilalba en Movemento!