26/10/2026
O Potiños, Balonmán Ribeiro e Emilio Nogueira, recoñecidos cos Galardóns da Arenteira
O xurado da XV edición dos Galardóns da Arenteira, reunido no Carballiño o pasado 21 de outubro, acordou conceder os seus recoñecementos á Asociación Fotográfica O Potiños, no apartado de Cultura e Investigación; a Balonmán Ribeiro, en Deporte, e a Emilio Nogueira Fariñas, expresidente do Centro do Carballiño en Bos Aires, a título póstumo.
O colectivo O Potiños, fundado no Carballiño en 1985, recibe o galardón polo seu labor de difusión e conservación do patrimonio fotográfico das comarcas do Carballiño e do Ribeiro, así como pola documentación das súas paisaxes, historia, tradicións e xentes. O xurado destaca tamén a repercusión das súas actividades, entre as que sobresaen os Outonos Fotográficos, e a súa contribución a achegar a fotografía ás novas xeracións de afeccionados.
No apartado deportivo, o recoñecemento recae en Balonmán Ribeiro, club fundado en Ribadavia en 1988 e referente do deporte galego pola súa traxectoria e o seu traballo de formación. A entidade conta con dez equipos e preto de 200 practicantes, ademais de manter un conxunto en Primeira División nacional. O xurado salienta a súa aposta polo deporte de base e polos valores do compañeirismo, a solidariedade e o compromiso.
O galardón póstumo distingue a Emilio Nogueira Fariñas, natural de Cangues, no Irixo, e falecido recentemente en Bos Aires. Emigrante e empresario, presidiu durante anos o Centro Partido do Carballiño na capital arxentina, desde onde impulsou numerosas iniciativas culturais e sociais e prestou apoio á colectividade galega. A súa implicación cos seus paisanos e coas súas raíces quedou reflectida, entre outros momentos, na celebración do centenario da entidade en 2018.