20/01/2023
O CB Condado non conseguiu repetir vitoria e sucumbiu en Vigo, nun partido moi disputado fronte Rodaballo.
Os locais xestionaron durante case todo o encontro unha lixeira vantaxe que souberon manexar para controlar o ritmo do partido.
O primeiro cuarto caracterizouse pola intensidade defensiva e a escasa efectividade de ambos equipos. 10 – 7 á conclusión dos primeiros 10 minutos. Exactamente igual transcorreu o segundo cuarto, que tras finalizar 10-9, deixou un marcador de 20-16 no descanso. Un resultado que evidenciaba a falta de acerto dos visitantes, que no primeiro cuarto erraron as primeiras 8 triplas que lanzaron. O ritmo era moi pausado, con ataques largos, sobre todo dos locais, e poucas transicións e puntos ó contragolpe.
No terceiro cuarto, tras un inicio que supuxo unha fenda de 11 puntos para os locais que resultou efémera, o CB Condado comprendeu que debía asumir riscos e acelerar a velocidade do xogo. O partido abriuse e ambos conxuntos atoparon vías de anotación. Tras un bo parcial dos visitantes, o cuarto terminou 19-19, o que significaba que a vitoria pasaba por remontar os 4 puntos de desvantaxe.
O derradeiro asalto comezou de maneira esperanzadora para o CB Condado, que con boas accións defensivas conseguiu adiantarse no marcador sobre o ecuador do cuarto. Pola contra, a partir dese intre, o Rodaballo impuxo novamente o seu ritmo de xogo e controlou os intres finais. 53-44 foi o resultado final.
En conclusión, foi un partido serio, especialmente en defensa. Pero quizais o peor da tempada en canto a acerto. Unha porcentaxe moi pobre na media distancia, e alarmante máis aló do perímetro (incluso en tiros liberados).
Só queda traballar para reverter estes datos e mellorar de cara ó vindeiro desafío, fronte o Nigrán.