28/08/2026
🚣♀️ Un paso máis cara ao futuro do remo. Un paso máis cara á excelencia 🚣♀️
Na Sociedade Deportiva Samertolameu seguimos avanzando para construír o club que queremos ser nos vindeiros anos. A incorporación de catro novas embarcacións de remo de mar é unha nova peza dun proxecto máis ambicioso.
Queremos dar un salto de calidade e consolidarnos como un club de referencia no remo galego, apostando pola formación, a tecnificación e a profesionalización da nosa estrutura deportiva.
Esta incorporación permítenos abrir novas oportunidades no remo de mar, unha modalidade en expansión e con gran proxección, sen renunciar á nosa esencia nin ao compromiso co remo de banco fixo.
O noso obxectivo é seguir medrando en todas as categorías, femininas e masculinas, impulsando o talento desde a iniciación ata o alto rendemento.
Estas embarcacións son só o comezo dun proxecto estratéxico co que aspiramos a converter a S.D. Samertolameu nun referente na formación e no desenvolvemento do remo en Galicia.
Queremos agradecer ao GALP Ría de Vigo - A Guarda e a Unión Europea o seu apoio, que fixo posible esta adquisición e nos permite seguir impulsando o deporte e a nosa contorna mariñeira.
Seguimos remando con ilusión, compromiso e unha visión clara: construír, entre todas e todos, un club máis forte e preparado para o futuro.
O mellor está aínda por chegar.