18/05/2026
Desde a Escudería San Paio queremos lamentar profundamente a cancelación da terceira edición do Rally Mix Serra de Argallo-Figueró, motivada polas molestias veciñais, e trasladar todo o noso apoio e ánimo aos compañeiros de Cantera Competición.
É unha auténtica pena e unha nova moi triste para o noso deporte. Cunha competición de Rallymix tan bonita, unida e competida como a que temos en Galicia, doe ver como caen do campionato probas que teñen unha aceptación masiva por parte de pilotos, afeccionados e patrocinadores. Sabemos ben todo o sacrificio, traballo e ilusión que hai detrás da organización dun evento destas características.
Parece mentira que unha cita que hai apenas dous anos foi recoñecida co premio á mellor organización do campionato, se vexa obrigada a parar por non contar co respaldo suficiente por parte de algunhas institucións para buscar solucións. É inxusto que o esforzo e o compromiso de todo un equipo queden na cuneta.
Aos amigos de Cantera Competición: que saibades que nos tedes aquí, ao voso carón, para absolutamente calquera cousa que poidades precisar. Agardamos que isto sexa só un pequeno contratempo e que pronto poidamos volver ver o voso gran traballo nas pistas, porque o Rallymix galego precisa de xente coma vós.
Moito ánimo e forza, compañeiros! 🏁💪