19/12/2023
O vindeiro sábado 23 de decembro ás 19:00 horas no Centro Social A Bitácora (O Ezaro - Dumbría) preséntase o libro O MONTE PINDO AO DESCUBERTO: RUTAS E LENDAS.
Os seus autores, MODESTO GARCIA e NIEVES GARCIA, darán a coñecer o traballo dos últimos anos no que foron recollendo datos sobre os sendeiros, covas, muiños, minas, regatos e toponímia do Monte Pindo.
Un libro que recomendamos leer para poder enriquecernos e poder coñecer moito mellor os moitos puntos de interese que se agochan no monte que da nome ao noso pobo.
"Sobre o Monte do Pindo tense escrito moito, pero queda máis por descubrir, como se fai neste libro, no que cada apartado xa podería dar para un volume por se mesmo. Aquí, abárcanse, de maneira sinxela, aspectos como a xeografía e a hidrografía, cos ríos e fontes do entorno, así como datos da poboación dos lugares que rodean o macizo, porque hai xente que vive e viviu ao pé do dito monte. Tamén se fai un breve percorrido histórico e asemade se recollen as lendas que quedaron na memoria dos nosos antepasados. O inédito deste libro son as diferentes rutas e os seus puntos de interese, coas coordenadas UTM, cun pequeno mapa de axuda que inclúe dende as máis coñecidas até outras menos transitadas, como a dos muíños, a dos camiños sacramentais ou as que levan até as covas e refuxios que hai, a moreas, polo pedregal máxico que sempre consegue hipnotizar a quen mira para el. Ao final, inclúese un listado dos topónimos do Monte do Pindo, que, se non se conservan, corren o risco de caer no esquecemento."
O libro pódese mercar por internet no seguinte enderezo: https://www.toxosoutos.com/detalle_producto.php?&cok=no&len=2&id=774&p=1&cat=0&txt=pindo&idio=0
Libro para todas as idades e para que os nosos xóvenes coñezan o seu entorno e valoren a riqueza do macizo que os rodea. E tamén para que, os que temos unha idade, recordemos con nostalxia os lugares que forman parte da nosa infancia.